MEDIO AMBIENTE E CONCELLO DE COIRÓS COLABORARÁN NA HUMANIZACIÓN DE ESPAZOS PÚBLICOS E NA MELLORA VIARIA NO NÚCLEO DE ARMEA

Escrito por Website do concello de Coirós el 19 de junio de 2020

 

  • A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Francisco Quintela asinaron un convenio para cofinanciar as obras, cun custo de case 110.000 euros que aportará a Xunta nun 70% e o Goberno local no 30% restante

 A Xunta de Galicia e o Concello de Coirós colaborarán técnica e economicamente na humanización de espazos públicos e na mellora da rede viaria do núcleo rural de Armea. Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal Francisco Quintela, coa sinatura dun convenio de colaboración en virtude do cal ambas partes se comprometen a cofinanciar as obras necesarias para potenciar e poñer en valor este lugar, un núcleo rural histórico-tradicional e común que se caracteriza pola súa singularidade.

 En concreto, entre os traballos a executar prevese unha completa intervención en materia de seguridade viaria, incluíndo a eliminación de barreiras arquitectónicas e dotando ao núcleo de espazos para os viandantes. Así, limparanse os vieiros, os espazos públicos e as cunetas a ambos lados para mellorar a drenaxe das augas pluviais, eliminaranse as fochancas e ampliaranse as beiravías para permitir o paso dos peóns.

 Tamén se acometerá un tratamento integral de toda a superficie viaria para lograr a calidade suficiente de cara a unha peonalización regular que complemente as actuacións xa realizadas polo Concello na zona en materia de beirarrúas e accesibilidade. Así mesmo, prevense como obras complementarias a execución de beirarrúas rebasables para favorecer a accesibilidade.

 Todos estes traballos, cun custo estimado de 109.233 euros dos que a Xunta achegará o 70% e o Concello de Coirós, o 30% restante, non só mellorarán e humanizarán a contorna histórica e tradicional do núcleo de Armea, senón que tamén reforzarán a seguridade viaria e a accesibilidade do conxunto.

 Neste sentido, a conselleira considerou que con este tipo de intervencións, dáse cumprimento ao reto da Xunta de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación e o reequilibrio territorial entre as vilas e cidades galegas.

 Por iso, puxo en valor a importancia de establecer lazos de colaboración cos municipios en proxectos que, coma este, buscan mellorar e potenciar espazos e equipamentos públicos xa existentes para facilitar a accesibilidade aos mesmos e poñer en valor certas zonas, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus veciños.

 Actuacións do Plan Hurbe 2010-2019

A obra comprometida hoxe no Concello de Coirós enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Xunta para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.